Cría de marta

17.05.2013-12.11.18_IMG_4388_800x600IMG_4376_800x600

Recollemos unha cría de marta , que vimos caer dun piñeiro, este pasado sábado 11 de maio ás 4 da tarde nos montes do concello do Corgo.
Dubidamos se deixala no sitio, por se a nai a subise ao niño, pero como non sabiamos se iso pasaría, nin como a afectara o golpe producido na caída á cría, optamos por envolvela con sumo coidado nunha gorra e na nosa chaqueta, evitando o contacto directo co animal para non transmitirlle enfermidades. Inmediatamente chamamos desde o noso domicilio ao Centro O Veral, para que viñesen  recollela. Ao cabo dunha hora chegou unha furgoneta da que baixou un home fumando , que dixo: “Que tes aí ?, un bebé?” de malos modos, e ao ver ao animal engadiu:” iso é un esquío…? “. Contestamos que era unha cría de marta. (Animal escaso en Galicia e protexido pola lei). Interesámonos polo destino da marta, por se podiamos saber dela, e o home respondeu que non se podía entrar no centro debido á  transmisión de enfermidades, (mentres continuaba fumando, sen luvas, e sen caixa ningunha para transportar ao animal) e ía depositala directamente no chan do maleteiro, enriba dun plástico reflectante. Entón insistimos para que non sacase ao animaliño da nosa gorra, para que non fose abaneando no camiño, cousa que o home fixo de mala gana, pechando cun gran portazo o maleteiro .
Quedamos moi preocupados pola sorte da cría de marta, e indignados pola actitude antiprofesional e maleducada do home que a veu recoller.

Catro días máis tarde chamamos para comentar o sucedido e saber da sorte do animal. Un home informounos, moi amablemente, que a marta encóntrase agora ben, e que dentro de algo máis dun mes poderá ser reintroducida no lugar onde se atopou. Afortunadamente a persoa que reolleu a marta era un axente forestal que nada ten que ver co centro.

Esta entrada foi publicada en Mamíferos, Marta. Ligazón permanente.

Deixar un comentario